“A Coruña 1, 2, 3”, arte e inclusión

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, entregou esta tarde en María Pita os premios do concurso fotográfico e de artes plásticas  “A Coruña 1, 2, 3 “, promovido pola Sociedade Filatélica coa colaboración da Fundación Emalcsa, a través do programa “Cultura Accesible e Inclusiva”, que este ano realiza a súa cuarta convocatoria.

O certame, que busca visibilizar o traballo de persoas con diversidade funcional e a persoas con asperxer da Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas pola síndrome de Asperxer (ASPERGA), tiña como tema o quinto centenario da visita do rei Carlos I á cidade. Na segunda parte do concurso, participou o alumnado do colexio La Grande Obra de Atocha, que realizou unha intervención nas fotografías seleccionadas.

Con esta iniciativa que forma parte do Festigual, o concello, dixo a concelleira, pretende en primeiro lugar visibilizar o proceso creativo das persoas con discapacidade funcional e, en segundo, implicar a toda a sociedade na participación destes colectivos na cultura da cidade. Neira sinalou que o Festigual é unha mostra de que “a arte non ten fronteiras e que calquera persoa pode acceder á cultura e construír cultura”. A concelleira confía en que o festival se converta nun referente das artes inclusivas no país.

Neira felicitou as e os premiados porque “nos ensinades cada día que o acceso á cultura das persoas con diversidade funcional é posible e necesaria; e que a sociedade debe fomentar a vosa participación no ámbito cultural como espectadores, como creadores e como profesionais”.

A edila tamén lle agradeceu a súa implicación neste labor á Fundación Emalcsa e á Sociedade Filatélica. E quixo destacar de maneira especial o “impagable traballo e esforzo que, desde hai anos, realizan as entidades vinculadas co mundo da diversidade na cidade e mais as familias”.

As premiadas e premiados nesta cuarta edición foron: no apartado de fotografía, Alexandra López, Violeta González e Mateo Fernández; mentres que Pablo Carrasco e Eloy Lago recibiron un accésit pola súa imaxe. No apartado das artes plásticas, os premiados foron as alumnas e alumnos da Grande Obra de Atocha: Brayan Oliveira, Carla Carrasco, Mauro Seguín e Carlos Enríquez, que recibiu un accésit polo seu traballo.

A Sociedade Filatélica realizará unha tiraxe especial de selos e tarxetas con todas as fotografías gañadoras. No acto, que contou coa presenza de Manuel Aguilar, director da Fundación Emalcsa, Xosé Luís Barreiro, da Sociedade Filatélica, e representantes de Asperga e da Asociación de Fotógrafos NWN, a concelleira foi invitada a cuñar as novas emisións filatélicas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s