Moratoria e rebaixa nas taxas do lixo da hostalería

A hostalería non terá que aboar o recibo pola recollida de lixo deste ano até o primeiro trimestre de 2021. O Goberno deu de baixa os recibos que xa foron emitidos, aos que se lles practicará un novo cálculo restando a cota correspondente aos días de peche ou a minoración forzosa de actividade decretados polo Estado e pola Xunta durante o primeiro e o segundo estado de alarma. Así, os recibos emitidos pendentes de cobro quedan sen efecto e as hostaleiras e hostaleiros non terán que os pagar este ano.

O recibo do lixo á hostalaría emitirase de novo no primeiro trimestre do próximo ano, o que axudará a lles aliviar así as cargas económicas nestes momentos aos negocios afectados polo cesamento de actividade. Ademais, o novo recibo correspondente a 2020 reflectirá unha rebaixa da taxa próxima ao 30%, unha porcentaxe que sae de lle restar os días de cesamento de actividade decretados polo Estado e pola Xunta. Se se produciren novos peches antes do final de 2020, aumentarase a cantidade que se descontará, de xeito proporcional.

O Goberno municipal habilitou nas últimas semanas un sistema para que as/os hostaleiras/os poidan solicitar a devolución en caso de que xa pagasen a taxa. Mais debido ao novo peche que decretou a Xunta desde o 7 de novembro -cando os cobros dos recibos domiciliados xa se fixeran-, decidiu ir máis alá e anular os recibos pendentes de cobro.

Tanto para os que xa pagaron por domiciliación como para os que teñen o pago fraccionado, e tamén para os que aboarsen o recibo no período de pago voluntario actualmente vixente, o Goberno simplificará os trámites para que poidan reclamar a devolución da parte proporcional xuntando unha declaración responsable. O modelo de solicitude remitirase a todos os establecementos nos próximos días. Todas/os as/os que aínda non pagaron non o terán que facer, xa que os recibos pendentes de cobro anuláronse e non se emitirán de novo até primeiros do ano próximo.

“Desta forma, o Goberno de Inés Rey quere contribuír a aliviar a situación pola que está pasando a hostalaría evitando que teñan que aboar agora as taxas cos seus negocios pechados e incorporando unha rebaixa que chega ao 30%”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, quen lle pide tamén á Xunta que aprobe medidas de apoio específicas e de calado para o sector.

Ocio nocturno
As propietarias e propietarios daqueles locais que estivesen pechados por orde das distintas administracións durante un período maior que os restaurantes, cafeterías, bares e establecementos análogos poderán presentar unha solicitude para reclamaren unha rebaixa maior do recibo, que pode superar o 50% da taxa fixada.

A maior parte destes locais figuran clasificados como negocios de hostalaría ou como cafeterías, polo que non é posible establecer de oficio unha rebaixa distinta da recollida para o xeral da hostalaría. Malia todo, poderán solicitar a diferenza achegando a documentación correspondente que o acredite para que a minoración sexa maior cando se liquide o novo recibo no primeiro trimestre do ano 2021.

Comercio
O período de pago do recibo do lixo para o comercio -que retomou a actividade no proceso de desescalada no pasado mes de maio- mantense como estaba previsto até o 4 de decembro deste ano.

O comercio, ao igual que a hostalaría, poderá recuperar a parte proporcional do recibo correspondente aos días en que os seus locais permaneceron pechados. En función dos días de peche, as devolucións poden chegar ao 20% do custo do recibo.

A orde de peche que ditou o Estado en marzo deste ano non lle afectou por igual a todo o comercio e permitiu que determinadas actividades se seguisen prestando. Por ese motivo, o concello só pode tramitar as devolucións despois de o demandaren previamente as persoas interesadas, non de oficio.

As propietarias e propietarios de negocios que estiveron pechados poden solicitar xa a devolución da parte do recibo correspondente acreditando os días de cesamento da actividade. Nos vindeiros días, remitiráselles a todos os comerciantes un formulario para lles facilitar a tramitación das devolucións, se ben estas xa se están tramitando. No servizo telefónico 010, facilitaráselles tamén información sobre estas cuestións ás persoas interesadas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s