
O BNG reclamou esta mañá que a Xunta dea curso ao Proxecto das Percebeiras a través do Trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria e non a través do Trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica Simplificada. Lembran que o segundo modelo inclúe o estudo do impacto paisaxístico.
Os nacionalistas confrontan a súa proposta á do Goberno local, e aseguran que o proxecto nas súas actuais condicións terá impacto no medio. Así o sinalaron a deputada do BNG no Parlamento galego Alexandra Fernández, e a concelleira nacionalista Avia Veira. As representantes nacionalistas criticaron a “cultura do pelotazo” e pediron mobilizar o parque de vivenda baleira, ademais de sinalar que o proxecto “incumpre o propio PXOM”.
Se o proxecto promovido pola Asociación de propietarios “As Percebeiras” consegue a avaliación favorable da Xunta, o Pleno terá a última palabra para a súa aprobación inicial. O polígono, situado entre o Paseo Marítimo, a avenida de Labañou, xunto ao grupo de vivendas de María Pita e o centro Padre Rubinos, contará con 12 bloques con 371 vivendas, cun 40% destinadas a vivendas de protección oficial. O plan tamén prevé construír un grande aparcadoiro público con 358 prazas e locais comerciais.
