Paso adiante para o espazo portuario interior

A Universidade presentou esta mañá na comisión de Bordo Litoral o primeiro borrador do documento estratéxico da Zona 1 do Porto que encargou o Goberno Local e no que deseñaron as principas liñas estratéxicas de cara á reordenación do espazo portuario interior co fin de recuperar as relacións da cidade co mar e resolver os problemas de mobilidade coa creación de espazos públicos.

Segundo o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, é necesario que as diferentes administracións se involucren nestes traballos iniciais, que poden sufrir cambios a medida que avance o seu deseño definitivo. “Xogámonos o futuro da cidade polo que é necesario un consenso político e interinstitucional e aplicarmos un mecanismo que permita a participación cidadá neste proxecto”, apuntou o edil, que remarcou a intención da alcaldesa, Inés Rey, de acordaren entre as distintas administracións a conformación dunha entidade pública que defina unha folla de ruta que xestione a transformación deses espazos portuarios.

Deste xeito, o estudo baséase no progresivo acceso da cidadanía coruñesa aos espazos do porto interior e o desenvolvemento de actividades produtivas competitivas e sustentables neste perímetro que garantan, ao mesmo tempo, o equilibrio financeiro da infraestrutura. Outro dos principais obxectivos está na contribución do proxecto a que o porto sexa competitivo. A reordenación afectará tamén á súa contorna coa dotación de equipamentos nos barrios limítrofes. A idea é que o porto interior impulse todo o bordo litoral da cidade e a súa área metropolitana.

Para acadar estes fins, a Universidade entende que a relación do porto coa cidade tense que facer de forma integral e contando sempre con que os escenarios poderán cambiar en todo este tempo. Ademais, recoñecen que a débeda pola construción do Porto Exterior é un condicionante que hai que resolver de cara a evitar comprometer os usos e intensidades necesarias nos espazos portuarios desafectados.

Por outra banda, no documento prográmanse as actuacións a curto, medio e longo prazo, a medida que vaian desaparecendo as concesións e as actividades portuarias. En todo caso, a reordenación atendería aos principios de sustentabilidade ambiental e social tanto das actividades produtivas como as que non o son, pero que se sitúan igualmente dentro do perímetro. Recoñecen tamén que se trata de espazos compartidos sobre os que teñen competencias distintas administracións.

Posibles actuacións
Na zona 1, que inclúe, ademais dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo -ocupados actualmente por naves e silos con concesións a piques de caducar-, a avenida do Porto, por ser un espazo de transición coa cidade e o peirao de Trasatlánticos, que podería admitir outras alternativas complementarias ás actuais. Tanto Batería como Calvo Sotelo están contemplados nos convenios de 2004 e no Plan Xeral, e en 2008 a Autoridade Portuaria promoveu a relación dun “Plan Especial de Transformación da Zona de Servizo do Porto da Coruña de Batería e Calvo Sotelo”, que non se chegou a aprobar por parte do Concello, pero cuias determinacións se recolleron no Plan Xeral de 2013, aumentando o aproveitamento terciario que xa reflectía o de 2004. Canto á avenida do Porto, proponse unha mellora da súa accesibilidade transversal e integrala nos espazos desafectados de ambos peiraos.

A finalidade é dotar á avenida dunha calidade urbana da que hoxe carece xa que é unha vía de tránsito, polo que se trataría de recuperar as edificacións de valor patrimonial e paisaxístico que habitan nela e poñer a rúa en harmonía coas novas zonas peatonais dos Cantóns e A Mariña. No referente ao peirao de Trasatlánticos, o documento fala da necesidade de adaptar a fronte marítima á chegada de grandes cruceiros que navegan por Europa, dándolle continuidade aos espazos públicos do Parrote e a Dársena. Liberaríanse parcialmente espazos para as e os peóns habilitándose unha nova estación marítima, que servirá de porta de entrada á cidade. Ademais, axeitaranse os peiraos próximos a Trasatlánticos e reorganizaranse os accesos rodados de vehículos e autobuses que poderían dar servizo aos cruceiros.

Tras o estudo da situación actual de Batería, conclúese que este peirao se abriría á cidadanía aportando usos polivalentes. Para iso, cómpre recuperar a titularidade pública dos terreos desafectados en que se reservará espazo para equipamentos culturais e dotacións terciarias e que conectarán cos Cantóns e os xardíns de Méndez Núñez. No ámbito de Calvo Sotelo tamén se lle daría continuidade aos espazos peonís de Méndez Núñez e a avenida de Linares Rivas. Desta maneira, diminuirase o aproveitamento terciario recollido no Plan Xeral co fin de facelo compatible coa súa centralidade. Así mesmo, rehabilitaríanse os Silos do Cantábrico como espazo cultural e conservaríase tamén o mareógrafo e algunhas grúas como patrimonio portuario.

Villoslada lembrou que este documento fai referencia á Zona 1 polo que a Universidade xa traballa na Zona 2 e máis adiante na denominada Zona de Transición (Peirao Este-Linares Rivas).

PP e Marea, enfrontados
A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral, María García, levou á reunion do organismo a proposta de acordo político na que se reclamaba a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, o impulso conexión ferroviaria a Punta Langosteira e un compromiso contra a especulación.

O Partido Popular manifestouse publicamente para lamentar “que a Marea teña intentado converter nun circo a sesión da comisión” por ter incluído “na orde do día a aprobación dun acordo político para o que non é competente”. Ademais, sobre a petición da marea Atlántica para abrir un proceso de consulta veciñal sobre os terreos, recordaron que o Goberno de Xulio Ferreiro “gastou case medio millón de euros nun proceso participativo que foi un auténtico fracaso”, no que participou “o 0,3% da poboación coruñesa”.

Pola súa banda, o BNG ve “prematuro” xulgar as conclusións do informe elaborado pola UDC en relación á transformación dos terreos portuarios ata coñecelo integramente. Os nacionalistas reafírmanse no seu criterio de que a transformación dos terreos portuarios tense que facer desde unha perspectiva global e non parcelando o porto en zonas (Batería e Calvo Sotelo por un lado, San Diego por outro) ás que se outorgasen tratamentos diferenciados.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s