Orzamentos da Xunta na Coruña: inconcrecións e infradotación

Baixo o lema “Galicia reactívase” a Xunta de Galicia prepara uns Orzamentos vitais logo dun ano difícil ante o impacto da pandemia de COVID-19. A previsión de investimento autonómico, porén, volve deixar a provincia da Coruña coa segunda menor previsión de gasto por habitante de Galicia (3.633 euros). A provincia con menos achegas neste sentido será Pontevedra (3.439). Lugo e Ourense contarán con maior investimento por habitante (4.704 e 4.461, respectivamente).

O novo Chuac é unha das infraestruturas dependentes destes orzamentos, que destinan 20 millóns á infraestrutura o ano que vén e contempla a maior parte do gasto despois de 2024. Dende o Concello, consideran preocupante que a Xunta desagregue deste xeito os investimentos, xa que o que se aprobará no Parlamento será especificamente o Orzamento para 2021 e as partidas contempladas en anos posteriores non quedan garantidas.

Pero non é a única tacha que o Concello ve no proxecto. Lembran que a partida real para a nova infraestrutura en 2021 é de arredor de 6 millóns de euros, que segundo fontes municipais “é insuficiente” para o proxecto tal como se concibe: ademais do propoio hospital, aparcadoiro, centro de investigación e outras infraestruturas de servizos como viais. Tamén deberán pagarse expropiacións desta mesma partida. “É difícil facer todo isto con esa cantidade”, resumen dende o Concello.

Sen saír do ámbito do gasto sanitario, o Concello sinala a estraña profusión de partidas COVID espalladas ao longo do proxecto de Orzamentos. Un caixón de xastre no que non se especifica se esas facturas van servir para pagar desinfeccións e outros gastos. A administración local lembra, nese sentido, que está a asumir desinfeccións que non lle corresponderían, o que explica parte do sobrecuste deste ano que o Concello cifrou onte en 20 millóns de euros.

Tampouco se recolle no proxecto unha infraestrutura como o futuro centro de saúde de Santa Lucía, unha “obra imprescindible” cuxo convenio a Xunta está pendente de asinar e que non aparece dotada no proxecto. Dende a Xunta asegúrase que se asignarán fondos logo desta sinatura.

O proxecto da Xunta recolle investimentos en infraestruturas estratéxicas omo a Estación Intermodal. O compromiso autonómico é de 4,5 millóns de euros para licitar e comezar as obras para a integración da terminal de autobuses. “Esa cantidade é moi pouco comparado cos 8,6 millóns do Goberno central”, sinalan dende o Concello, que temen atoparse cunhas contas semellantes ás do novo Hospital. Por iso, vixiarán o cumprimento.

No antigo Ofimático, o proxecto da Xunta recolle 12 millóns de euros para a urbanización. Pero este proxecto de Xuxán “xa tiña que estar feito”, recordan dende o Concello, xa que a obra foi paralizada en 2019.

Esta inclusión no proxecto de Orzamentos de partidas que semellan investimentos novos cando son gastos ocasionados por atrasos en proxectos ou carencias en infraestruturas xa rematadas é un dos aspectos que o Concello critica logo dunha análise preliminar do proxecto da Xunta. Neste sentido, salientan a partida destinada a corrixir carencias básicas na dotación do CEIP Novo Mesoiro.

En aspectos como a cultura, o Concello lamenta que a Xunta non cumpra compromisos coa Orquestra Sinfónica de Galicia. “Un emblema cultural galego”, sinalan, que arrastra problemas económicos e queda abocado a ver como a súa débeda “seguirá medrando”. A Xunta comprometeuse a dotar polo menos con tres millóns de euros á Orquestra.

En xeral, o Concello critica a falta de concreción en moitas partidas. Dende o Goberno local faranse novas valoracións nos vindeiros días conforme se vaian clarificando aspectos dun proxecto tan agardado como farragoso.

Críticas do BNG e apoio do PP
Os partidos políticos da cidade fixeron unha avaliación preliminar deste proxecto. Nunha primeira avaliación de urxencia, o Bloque sinala que “as contas da Administración galega son francamente insuficientes e non están á altura do desafío que supón a pandemia”. Botan en falta un reforzo do ensino e da sanidade públicas no proxecto. No ensino, hai “apenas dúas específicas –o CEIP Novo Mesoiro e o instituto Eusebio da Garda-“, lamentan. Igualmente, indican que na sanidade “non vemos por ningures o reforzo necesario da atención primaria, clave para frear a pandemia”, considera a deputada nacionalista Mercedes Queixas.

Rosa Gallego, polo Partido Popular, aplaudio “o maior investimento anual de calquera administración na historia da nosa cidade.” A portavoz popular destaca que a Xunta “mellorará o benestar social” e sinala as partidas para o CHUac, para a residencia de Eirís, dependencia, axuda a domicilio e risga. Tamén valoran positivamente as melloras en centros sociais e os 5 millóns de euros para a tarxeta do metropolitano, especialmente as viaxes gratis para menores de 21 anos.

O PP valora especialmente o proxecto da Xunta fronte a “uns Orzamentos do Estado que esquecen a nosa cidade”. Tamén saúdan investimentos fóra da cidade, como en Sabón, “onde traballan milleiros de coruñeses”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s