
Nas últimas horas viralizouse en Twitter a queixa dun alumno da Universidade da Coruña que denunciou que unha docente, cuxo nome non trascendeu, se negara a corrixirlle adecuadamente unha redacción en galego. A profesora tería manifestado que utilizaría a tradución de Google para pasar o traballo ao castelán e puntualo en consecuencia, malia que este sistema ofreza unha tradución automática e inexacta.
Cómpre lembrar que a normativa da Universidade da Coruña sobre o galego é clara, ao sinalar que esta será unha lingua de uso na institución académica. O estudante amosouse sorprendido pola repercusión do seu chío inicial e revelou que outra compañeira recibira a mesma contestación por parte da docente. Esixiu unha desculpa por parte da profesora e as “medidas precisas” por parte da Universidade.
A UDC afrontou esta polémica póndose en contacto tanto coa profesora como co alumno. A primeira lembráronlle a súa obriga de respectar os dereitos lingüísticos do alumnado, e ao segundo trasladáronlle o seu apoio nesta situación.