
Pasado mañá, xoves, reabrirase ao tráfico a rúa Santa Catalina, unha vez acabadas as obras do colector de pluviais e de mellora do pavimento. A intervención tamén duplicou a anchura das beirarrúas de acordo co Plan Especial da Cidade Vella.
A Asociación Zona Comercial Obelisco foi informada esta mañá da reapertura, así como da continuación da obra para mellorar a rede de pluviais de San Andrés á rúa Nova. Estas obras afectarán tanto ao carril de circulación de sentido praza de España coma nas zonas de estacionamento.

Dende o Concello, o edil Juan Díaz Villoslada prometeron á asociación de comerciantes que as obras rematarán antes do Nadal se as condicións meteorolóxicas o permiten e que non se intervirá nas beirarrúas co fin de minimizar o impacto sobre os comercios da zona. As actuacións iranse desenvolvendo por fases de 25 metros e non se abrirán novos tramos sen que os anteriores se pechen previamente. Villoslada prometeu ademais “especial coidado en que afecten o menos posible á afluencia de xente nos sábados peonís”.
Cadrando coas obras, recuperarase a parada de bus da igrexa Castrense. O xiro da rúa Alta realizarase na rúa Sol, co fin de achegar o transporte público á zona comercial da contorna de San Agustín.