
O Concello vén de construír unha rampla para mellorar a accesibilidade peonil entre a rolda de Outeiro e a rúa Caballeros. A proposta foi unha das gañadoras dos orzamentos participativos 2019. Naquel momento, a veciñanza solicitaba unha mellor conexión entre ambas as vías, que se comunicaban por escaleira. Ademais, trátase dunha zona de importantes conexións peonís debido á proximidade das estacións de tren e autobús, o colexio San Francisco Javier e os Novos Ministerios. O Goberno local cualificou a proposta para esta intervención urbanística como viable para executar un muro de contención paralelo ao que había e un recheo para salvar o desnivel existente mediante unha rampla accesible con varanda e pasamáns.
O edil de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, apuntou que consideran prioritario que “os vehículos sigan tendo practicamente o mesmo espazo pero que as persoas gañen en accesibilidade e en seguridade”.