
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou na tarde de onte durante a xuntanza entre o Goberno central, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada que o Pazo de Meirás sexa de titularidade autonómica e se converta nun espazo centrado na figura de Emilia Pardo Bazán. Na xuntanza estiveron presentes tamén a alcaldesa coruñesa Inés Rey, así como a vicepresidenta primeira do Goberno, ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Carmen Calvo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o alcalde de Sada, Benito Portela.
Aínda que dende a Xunta se sinale que este uso do espazo non poderá “obviar que tamén foi residencia de verán dun ditador”, o seu proxecto é “restituír a esencia de Meirás” entre todas as administracións e “converter o Pazo nun Faro da Igualdade en Galicia e en España”. Este plan de usos da Xunta tería dúas vertentes: potenciar a importancia da muller na creación intelectual e aproveitar o legado de Emilia Pardo Bazán como unha das pioneiras do feminismo en España.
Feijoo aproveitou a xuntanza para felicitarse polo “esforzo coordinador” de administracións que fixo posible o proceso que culmina hoxe coa entrega da chave por parte dos herdeiros do ditador Francisco Franco. Porén, hai tres anos defendía unha tese contraria e definiu como “mecanismo franquista” a expropiación do Pazo á familia Franco. As desavinzas co Goberno central foron tantas que nin sequera compadeceron conxuntamente tras a reunión, dado que o executivo de Pedro Sánchez si quere que a etapa franquista sexa un elemento destacado no relato histórico do Pazo.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey sinalou que “mañá será un día moi importante para a memoria histórica do noso país e para as e os galegos xa que o Pazo de Meirás por fin será devolto ao patrimonio público”.