Aprobada a reforma dos campos de fútbol da Torre

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de rehabilitación dos campos de fútbol da Torre. O proxecto, cun presuposto de 988.980,36 euros, inclúe a instalación dun sistema de rega automática e o cambio do céspede artificial dos campos de fútbol 2, 3, 4 e 5. No campo 2, instalarase un céspede homologado que permitirá practicar fútbol e rugby. Deste xeito, daráselles resposta ás demandas dos clubs de rugby da cidade, que demandan unhas instalacións adecuadas para a práctica deste deporte. As obras licitaranse no vindeiro ano coa idea de que, unha vez que finalicen as actividades deportivas en maio, se poidan acometer os traballos. O prazo de execución é de 4 meses.

A alcaldesa, Inés Rey, mostrou a súa satisfacción pola posta en marcha dunha actuación que responde a un dos primeiros compromisos do Goberno local ao chegar a María Pita e que supón “a mellora dunhas instalacións que simbolizan o deporte da nosa cidade”.

Rey lembra que esta actuación súmase á construción en Eirís do novo campo de fútbol de herba artificial, vestiarios e peche perimetral. Asumirá os traballos a empresa Arias Hermanos por un importe de 1.077.062 euros. O prazo de execución das obras é de oito meses, polo que o novo terreo de xogo estará rematado no verán do 2021. Neste senso, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, apuntou que tamén se está a traballar no proxecto da cuberta do campo de fútbol de San Pedro de Visma, tal e como anunciou hai poucas semanas ante os clubs da cidade.

Na sesión de hoxe, tamén se aprobou a ampliación do límite dos bonos PRESCO para impulsar a campaña de Nadal no pequeno comercio. Os establecementos culturais poderán percibir até 15.000 euros en axudas do concello e os pequenos negocios até 10.000 euros. É a segunda vez que o Goberno local amplía o dito límite de gasto. Son 959 os negocios adheridos aos plans de bonos para incentivar o consumo desde que se botou a andar o PRESCO. En total, hai 45.124 usuarias/os que descargaron bonos de distinto tipo.

Ademais, autorizouse a licitación da reforma integral do centro asociativo Domingo García Sabell cun orzamento de 622.699 euros, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O prazo de execución será de 16 semanas.

Tamén se adxudicou ao estudo ARA Arquitectos do proxecto de redacción das obras de construción do edificio de 50 vivendas de promoción oficial na parcela Z-37 no barrio de Xuxán, por un importe de 329.120 euros. A alcaldesa, Inés Rey, asegura que, con esta promoción, o concello dálle resposta a un compromiso coa cidadanía despois de 14 anos sen que se proxectase ningunha promoción pública de VPO no termo municipal.

Ademais, a XGL deulle o visto e prace a un convenio para desenvolver un polígono urbanístico na avenida do Ferrocarril, polo cal se cederá o edificio de Conde Medín ao patrimonio público da cidade e obterá dúas zonas verdes nese mesmo espazo. Ademais, un 10% das vivendas que se construirán serán de protección oficial. O acordo resulta dunha sentenza xudicial que estableceu que o solo pasou de ser urbano non consolidado a urbano consolidado.

Na mesma sesión, autorizou suspender a concesión do servizo de tranvías con efectos desde o 7 de xullo do 2011, data en que a compañía deixou de prestar o servizo por pedimento da Administración local. O Goberno local acadou un acordo coa compañía e aboará 489.896 euros correspondente aos gastos ocasionados pola suspensión do servizo desde o 7 de xullo de 2011 até o 31 de decembro de 2019, e mais a factura pola prestación do servizo desde o 1 de xaneiro até o 6 de xullo de 2011. O concello recibirá o mobiliario, tranvías e obxectos existentes na nave en que se custodiaba por parte da empresa concesionaria.

Doutra banda, aprobouse un proxecto para mellorar a accesibilidade no itinerario entre a avenida Peruleiro e a rúa Barcelona, cun orzamento de 609.000 euros. Esta actuación permitirá renovar as rúas Julia Minguillón e Fanny Garrido, xunto con parte das rúas Manuel Deschamps, Almirante Mourelle e Páramo. Con este proxecto, o Goberno local pretende mellorar e modernizar a zona, coa ampliación de espazos para as persoas. Tamén se instalarán novas luminarias co obxectivo de conseguir unha mellor eficiencia enerxética. Instalarase mobiliario urbano e plantaranse árbores.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s